Amores de verán

A realidade do paso das xornadas estragará a bela imaxe que deixa a fin do mercado, mais coma aqueles amores de verán, a brevidade da xuntanza convida a deixarse levar polo devezo. Decatarse de que esta ledicia expirará ofrece a certeza de que o agarimo trascenderá no tempo, porque a dificultade dun reencontro idealiza o vivido e fixa as lembranzas. Malia agromar de xeito fortuíto, todo acontece con naturalidade, sen importar as dificultades que se cinguen sobre os protagonistas desta ditosa coincidencia. Que o de Nolito naufragase é agora un transo que a bancada acepta como necesario para contaren con Rafinha.

A parroquia celeste ben sabe que vive nun feitizo. O fillo de Iomar do Nascimento canda a tropa de Xerez e Mánchester, a carón da xeración Xabarín que marchou polos rigores da lei concursal e propiciou a meirande estada na Primeira División. Xente que medrou en Moaña ou Marín, que coñeceu as festas en Cangas e casou en Bueu; que adestrando en Río ou Barcelona lembran de pór a Cruz de Santiago; que deixarán os seus nomes para os campos en que aprenderán novos parrulos da cor do ceo. Que orgullo mirar os fillos do trisquel xogar como os amigos que son, sen importar que percorreran camiños distintos, partillando esa ilusión cándida cos seareiros.

Non sei, non sei que foi do compañeiro que ía no vran con nós. Oín chamarlle Amor. Era estranxeiro e para sempre díxonos adiós!

– Ramón Cabanillas

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS