Sete por cento

Barbea amodo, colle a camisa nova, peitéate axiña, limpa ben os zapatos, axéitate a garavata, ou a paxarela, e bota perfume abondo porque hoxe é o día, hoxe inaugurámo-la sede do RC Celta!

E logo? Que pasa? Seica non tes invitación? Disque é so para os convidados polo clube, pero se ti es aboado, e mesmo accionista… Non si? Non podes? Non che tocou no sorteo? Vaia…

En novembro de 2017, durante a Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria de Accionistas, a Directora Financieira analizaba polo miúdo as cifras de ingresos do clube vigués. O reparto guindaba os seguintes datos: Os dereitos audiovisuais supoñen para o clube vigués o 70% dos seus ingresos namentres que a venda de xogadores achegaba un 13%. A publicidade e as tendas supoñen un 13%, e por último, os aboados e as billeteiras, que xeran somentes un 7% dos ingresos.

Se cadra, cando pensemos en hipérboles sobre nós mesmos, cando falemos da vital importancia para o clube dos seareiros, aboados ou accionistas, cando falemos dos sentimentos, do arraigo e da identificación ó mellor debemos pensar en que somentes somos o 7% dunha empresa. Compre resistirse a simplificalo todo nunha cifra, pero ese tanto por cento é un dato, un dato tan real coma incómodo.

Admiro a aqueles que disfrutan analizando decote as cifras de negocio, as inversións e mesmo os beneficios do clube, coma se dun “manager” dun xogo de fútbol se tratase, coma se os beneficios foran propios, coma se os donos foran eles. Son outro tipo de seareiros, supoño que máis modernos, que saben disfrutar tamén das victorias económicas do seu clube.

Síntoo, non son quen de disfrutalo, non me sae, non podo. Eu devezo por ve-lo campo rematado, cadrado, cheo, empurrando ós seus. Soño con chegar a ser campións algún día. Certo é que se poden querer ambas realidades asemade, supoño que é unha cuestión de enfoque, de gustos ou de tradición.

Seica o flamante proxecto do Celta para a súa cidade deportiva en Mos afectará a 820.000 metros cadrados de superficie forestal, dos que 240.000 metros cadrados terán un uso deportivo. É dicir, menos do 30% do terreo vai ser realmente cidade deportiva. Semella que o problema en Vigo non eran os campos de adestramento senón o Centro Comercial. Será o fútbol moderno, será bo, incluso necesario para a viabilidade do clube, pero semella que o deporte esmorece ante o negocio e a especulación.

 

 

Estes días falaba deste proxecto de Mos e da nova sede de Príncipe cun abonado do Celta. Falábame con certo desacougo sobre a súa perda de confianza na directiva. Falaba de desengano. Lembroume, ademais, o acontecido no clube estes últimos dous anos e de como iso axudou a ampliar o distanciamento entre a masa social e a “empresa” Celta.

Recordaba aquela mañá de setembro de 2016 cando na prensa local que o presidente da entidade encargaba acelerar o proceso de venda do Celta a un holding chinés. Un mes despois, chegaría a famosa foto do grupo de emisarios chineses visitando A Madroa e as obras da sede na rúa do Príncipe.

Logo, evocaba aquel mal día do mes de abril de 2017, cando Mouriño anunciaba a "irreversible" marcha do Celta da cidade ó non poder mercar o estadio municipal de Balaídos nin conseguir licencia para construir un novo campo. Aínda lembraba aquilo de “No nos vamos, nos echan y no hay retorno.”

Posteriormente, en novembro, outra nova sacudía o corazón dos Celtistas. Era a da posible marcha do equipo a Oviedo.

Daquela, o clube iniciaba unha campaña informativa sobre o proxecto de futuro da entidade, con charlas e coloquios con numerosos colectivos da cidade. Foron os tempos do ”futuro, arraigo e estabilidade”, pero foron tamén os tempos do cambio da imaxe corporativa e do adeus a “Vigo” no nome do clube vigués.

Todos estes acontecementos que sacudiron ó Celta non só afectaron a este aboado amigo meu, fixérono dun xeito ou de outro a todo o Celtismo, á heteroxénea masa social que comparte este sentimento.

O tempo falará e pechará, ou non, as feridas abertas. Agora, cando semella que o clube pode garantirse patrimonio abondo para ter futuro, toca pensar en todo o acontecido e nas súas consecuencias. Se cadra todos aqueles movementos foron os medios para alcanzar certo fin. Se cadra conseguiron o seu obxectivo. Quen sabe.

A pregunta é: Pagou a pena?

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS