A débeda do Celta coa muller

No debate sobre a desigualdade hai innumerables causas que precisan a nosa atención antes ca o fútbol. Secasí, este histórico 8 de marzo de 2018, primeiro greve na historia de España adicado ás reivindicacións da muller e protagonizado pola muller, merece reflexionar acerca da falla de oportunidades en todos os eidos. E o fútbol, intersección mundial entre deporte e capital, retrata de xeito paradigmático os obstáculos para a realización da metade da sociedade que, dende a marxinación, sostén a estrutura social e económica da metade privilexiada. Circunstancias para nada alleas ao Celta.

Toda entidade deportiva basea a actividade en ideas intanxíbeis e feitos relativos. Malia a obsesión humana por traducir a competición en puntuacións e posicións, por mesurar o rendimento dos contrincantes, o certo é que no deporte non existe a derrota, nin a vitoria outorga per se mellores condicións para a seguinte proba. Por esta razón, o labor social ocupa un lugar principal na planificación dos clubes, que precisan da simpatía local e allea para así obter recursos. Elevado á categoría do Celta, institución cuasi centenaria e cun orzamento equivalente ao vinte por cento da cidade de Vigo, o labor muda en responsabilidade social.

Esta responsabilidade bate contra a evidencia de que a entidade que preside Carlos Mouriño ten unha débeda social inescusábel, unha débeda cara á muller. O máximo accionista alegou varias veces a falla de espazo nas instalacións deportivas coma razón da ausencia dun equipo feminino, causa abandoada dende o finar de Quinocho. O certo é que o Celta ten sesenta convenios con equipos galegos, academias en Europa e América, e canteiráns procedentes de Catar e China; en total, trescentos rapaces en A Madroa. Por cada ficha no equipo adulto hai quince nenos adestrando nas diversas categorías.

Porén, a débeda existe asemade na administración da entidade. Doce homes e tan só tres mulleres figuran no organigrama do Celta. Carmen Avendaño, conselleira, é a única con poder decisorio. Os outros dous postos a cargo dunha muller son de perfil baixo, con escasa visibilidade, relegados a cuestións técnicas e subordinados a outros departamentos: corresponden a María José Herbón, directora financieira, e Maruxa Seoane, directora de mercadotecnia. O círculo do máximo dirixente é exclusivamente masculino.

Por fortuna, o caso do Celta é cada vez máis a excepción na elite. Nas reunións da Primeira División salienta a representación institucional que exercen tres presidentas: Amaia Gorostiza (Eibar), Victoria Pavón (Leganés) e Layhoon Chan (Valencia). As tres amosan solvencia e ambición na xestión, sendo quen de reflotar proxectos con desaxustes económicos e deportivos ata consolidar prazas que melloran aos inmediatos competidores. Elas son a vangarda do grupo que ten por referentes a Isabel Tarragó (Llagostera), Didia Liedo (Zamora) e Sagrario González (Astorga). E na nosa terra, cómpre citar á empresaria e deputada autonómica Guadalupe Murillo Solís (Pontevedra).

Por outra banda, As Palmas e Alavés inauguraron esta tempada os seus respectivos equipos femininos, e o Real Madrid anunciou o seu, enfocado a priori á formación. Deste xeito, dezaoito dos vinte clubes de Primeira abranguen xa ou abranguerán á muller na estrutura deportiva profesional. Agora que o Celta se afianzou no plano institucional coa finalización da nova sede e a cesión de terreos para a cidade deportiva, é tempo de asumir plenamente a responsabilidade social e rematar coa discriminación. Sería un exercicio de coherencia e ambición deportiva integrar, por fin, á metade que quere ser protagonista tamén dos éxitos da entidade viguesa.

Un bo comezo sería aprender do Celta Zorka de baloncesto coma exemplo de proxección e atractivo social. Así mesmo resultaría recomendábel aproveitar a oportunidade que supón a remodelación do Olivo, equipo que chegou á máxima categoría do fútbol feminino, e que por varias veces tentou xuntar forzas co Celta. E todo sen esquecer o compromiso real coa igualdade, equiparando o recoñecemento e a nomenclatura dos dous equipos, confiando postos de responsabilidade con paridade, e cunha filosofía a longo prazo coma a que sempre caracterizou a Mouriño.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS