Quilómetros de esperanza

É cedo, aínda de noite. Hai un frío autocar estacionado a rentes da vella bancada de Marcador. Algúns apuran o café nun dos poucos bares abertos a esas horas en Balaídos. Ó pé do autocar, fúmanse os derradeiros cigarros antes da partida namentres os primeiros en chegar vanse acomodando no interior. En todos eles hai dous elementos comúns: a ilusión da viaxe e a cor celeste.

Irán xalundes, non importa onde, por eles e por todos os que non van, irán ve-lo Celta. Os homes e mulleres da camiseta celeste, portadores dunha fe que se manifesta nunha cor e nun escudo. Compartirán experiencias e expectativas, berrarán xuntos, cantarán, falarán ata coñecer novas amizades, en resumo, vivirán o Celtismo máis puro.

Pasan as horas e a paisaxe núa de Castela xa acompaña ó virar das rodas do autocar, que vai trazando o seu percorrido devagar. As testas acomódanse nas fiestras do vehículo, nalgún ombreiro amigo, ou mesmo nalgunha manta ou almofada. Escóitase algunha conversa ó lonxe. Son os peregrinos do novo tempo, percorrendo quilómetros de esperanza.

A previa percorre a distancia que existe entre o frío da cervexa e a calor da gorxa, é un ritual, unha tradición, unha parte do que somos coma seareiros. Non importa a cidade, nin sequera o país. Importa estar, representar, alentar e defender. Disque importa gañar, pero, hai tantos xeitos de facelo…É o fútbol, o noso fútbol, non tentedes entendelo.

Comeza o partido e o mundo concéntrase nunha cerimonia de noventa minutos con protagonistas dispares. Lonxe do vello Balaídos a responsabilidade de quen xoga é a mesma, en troques, a de quen alenta é maior. A vitoria e a derrota a domicilio son proporcionais no hiperlativo das sensacións. A gloria é máis gloria, a pena tamén é máis dura. Se cadra, a dor é máis fonda cando non se comparte, cando se vive en soidade. Cando o equipo fuxe do campo tras un mal resultado, os seareiros quedamos un chisquiño orfos e a carraxe enche os nosos peitos. Tanto custa vir saudarnos?

Vlado, Hugo, Iago…é a vosa quenda! Non os deixedes nunca sós. Non nos deixedes nunca sós. Rematado un partido cunha derrota, a victoria é a unidade, a comunión. Tanto se viaxan dous mil, douscentos, vinte o somentes dous seareiros; Ide sempre onda eles, están alí por vós, non lles ofrezades unha segunda derrota.

Seica a pesares de estar no centro do mundo, estamos nun recuncho da terra e cando viaxamos co Celta iso nótase nos quilómetros, no cansanzo e no custo dos nosos desprazamententos. Non deixemos este tema ás toas, obriguémonos a facelo, coma norma non escrita, coma elemento diferenciador do noso equipo.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS