A marcha de Berizzo é parte do plan

A derradeira campaña de Eduardo Berizzo á fronte do plantel celeste desbotou a careta da dirección que preside Carlos Mouriño. A loita entre os anceos dos siareiros (e do adestrador) e as prioridades do accionista meirande (e os seus asesores) dirimiuse como era lóxico, coa partida do responsable de acadar tres semifinais en dúas tempadas. Impúxose o tanxible, aquilo que é mesurable: gañou o interés económico. 

O último –que non derradeiro– capítulo da guerra que escarallou os maiores éxitos deportivos da historia do Celta de Vigo precisa de contexto. No verán de 2016, Nolito fintou aos xornais de Barcelona e liscou merecidamente para Manchester, coa inmellorable proposta de Guardiola. Berizzo, ilusionado logo de devolver aos seus a Europa, pediu un substituto para o de Sanlúcar e unha fichaxe de postín, o ‘dez’ que niquelaría o proxecto. Torrecilla, sabedor da que ía caer, embarcou para Sevilla.

A cuestión eran os intanxíbeis. Nas altas instancias de Praza de España, os intanxíbeis foron de sempre asuntos mal levados, coma a comunicación corporativa ou o aproveitamento da mercadotecnia. No deportivo, a confianza en Torrecilla e Berizzo neutralizara devandita débeda, até que ámbolos dous certificaron o salto cualitativo do equipo. Tempos moi celeros para unha directiva acostumada ao paseniño proceder empresarial, e que sempre xustificara as súas decisións co gallo de afianzaren o futuro.

Acó comezaron as présas. O proxecto tiña que acelerar e asimilar a velocidade que puxera Berizzo axudado de Aspas e compaña. E estaba todo por facer: sen terreos para a cidade deportiva, unha nova sede sen rematar, unha imaxe corporativa vella, o campo aínda en concesión. Non era factible a venda do clube con tan pouca certeza e meteron presión encol do concello vigués. Para manter a caixa con liquidez abondo, tornaron a subir os abonos; tanto daba un estadio baleiro. 

E manteron a política de fichaxes: incorporacións de pouco risco económico, xoves de ligas lonxe do centro gravitatorio do planeta fútbol, para conter así a masa salarial, e calculando as amortizacións e revalorizacións nun mercado ulterior. Se Berizzo marchaba como consecuencia, tanto daba. Era mellor ter un técnico que firmara por tres tempadas, alguén que xerase certezas, quizais alguén cun estilo máis conservador, coma Pellegrino, que tanto soa ultimamente.

Os mandatarios do Celta, coa cabeza no investimento tanxíbel, deixaron marchar ao maior activo do clube, un intanxíbel: o adestrador. O presidente Mouriño, arrodeado dunha plana maior que só ve números no fútbol, fixo bandeira dun modelo de suposto fortalecemento que, por ineptitude e interés pecuniario, arrisca a supervivencia deportiva nun entorno hipercompetitivo como é Primeira División. Berizzo, o intanxíbel, era quen aportaba valor a un plantel que é máis ca suma das partes. Mais o plan prosegue, coa caixa chea e as accións apuntaladas sobre novas inversións. A venda é o único obxectivo de futuro. Os siareiros, que viven de intanxíbeis coma o estilo ou o orgullo, quedan de segundo plano.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS