A ponte do Mersey

Xusto tralo gol do Celta que nunca fora, soou o triplo asubío e os nosos heroes caeron encol do céspede, faciana contra o chan, agochándose da mirada de dous mil quiñentos siareiros que non eramos quen de reaccionar. O Teatro dos Soños mudara de súpeto nun escenario abrumador, cheo de gorxas esgazadas de ledicia e cantos vitoriosos. Estivéramos tan preto, e tan lonxe asemade. Quedaba o peor, voltar a casa. 

Fiquei en pé no STH 50, ringleira 21, mirando como os red devils puñan as súas mans sobre os corpos esnaquizados dos celestes. Romero fixo por erguer a Cabral, tirou del con forza, mais o defensor volveu caer sobre os xeonllos. Endexamais esquecerei as bágoas de Aspas nin o grito ao ceo de Hernández.  Botei unha ollada á miña dereita, ao sector dende onde os meus camaradas converteran Old Trafford nunha extensión do vello Balaídos. Eles xa recobraran a voz, e esmagaban as palmas namentres repetían ‘Celta! Celta!’. 

Veu Berizzo onda nós, entre os aplausos propios e alleos, a ofrecermos a calor que marchaba naquela fría noite de Manchester. Saña de máis no final daquela historia de noso, logo de todo un día de foliada e dúas horas de afouteza; non era a derrota, senón o xeito no que morrera o devezo. E malia o desacougo, escoitouse A Rianxeira, coas bufandas da cor do ceo ben ergueitas e orgullosas. E eu, que prometera apois do penal de Català non chorar máis polo meu equipo, fuxín do meu sector. 

Na porta albisquei as bágoas dun rapaciño de celeste, e cunha refrega na cabeza tentei devolverlle o ánimo. Arrodeado de xente nunca sentira tal soidade. A sempre amábel policía de Manchester pasaba ao meu redor, cun feble sorriso de compaixón. Os meus amigos aínda non saíran, pois estaban a berrar ‘Campeones!’, e eu agardaba quedo na chaira de piche, so a figura de bronce de Matt Busby. Invadiume a desolación, derrubeime e deixei escorrentar a tensión. Por un intre sentín a rabia medrar; era unha fin inxusta.

Tocou camiñar pola ponte do Mersey na procura dun tranvía que cargara coa nosa saudade. A ferida era moi recente e daquela non sabía como ía sandar. Custou durmir coas imaxes do gol de Roncaglia, o directo de Bailly ou o pase atrás de Beauvue para Guidetti. Decateime entón do fito desta xeración que nos levou alén das nosas posibilidades; decateime de que somos capaces, de que outro fútbol é posíbel. Voltaremos, porque non hai derrota que mate o lume da nosa causa. 

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS