A hora da honra

O escenario dá vertixe. O humilde e sempre irregular Celta perante a un xigante que viste a cor do sangue, coa historia referendando a candidatura do Manchester United e poñendo presión encol dos celestes. A euforia da véspera do sorteo quedou soterrada logo de tres derrotas inopinadas, tres golpes dos que resulta arduo extraermos algunha conclusión positiva. Xusto co inimigo ás portas semella que tanto confianza como xogo atravesan o intre máis feble dende Mendizorrotza. Porén, no momento decisivo os fillos do trisquel responderán co orgullo que a causa require. 

Xa o fixeron na presente campaña. Solventaron a delicada situación na fase de grupos da Liga Europa con temperamento. Superaron os inxustos resultados de decembro para concatenar seis vitorias consecutivas. Someteron na Copa a un Real Madrid invicto ata entón. E trala tráxica traizón ao estilo propio nas semifinais fronte ao Alavés, sacaron folgos na adversidade e escorrentaron a un dos favoritos na competición continental, o Shakhtar Donetsk. No entanto, as recentes datas revelaron un desafío aínda mor: sobrevivir ao desgaste de 55 choques –polo de agora– sen abaterse. 

Todo o que podía ir mal nos días previos á cita con Mourinho foi mal. Ás polémicas institucionais sumouse a baixada do rendemento colectivo –nin un disparo a portería no recibimento ao Athletic– e tamén individual, o que deteriorou a confianza de Berizzo nos homes que debían de se erguer en alternativas. Leccións do que é a elite, golpes cos que curtir o espírito e deprender en compromiso, solidaridade e serenidade. O adestrador reclamou reflexión ao plantel, e de seguro que a mensaxe de que non valen escusas espertará o tesón do grupo. 

Secasí, estamos a falar do Manchester United. É unha honra combater a toda unha lenda, e máis cando se defende máis ca un escudo. O Celta representará neste concurso europeo o devezo dun pobo esquecido, o pulo dunha xeración insubmisa, e unha forma de entender o deporte que vai alén do triunfo a calquera custo. Eses demos vermellos toparán cun conxunto que non capitula, que vive no peito de Hugo, nas luvas de Sergio, nos pés de Iago. O entusiasmo de Berizzo prevalecerá sobre o prestixio do bando inglés. Eles dirían we shall never surrender. Nós temos un termo incomparábel: afouteza. 

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS