Orgullosos do noso

O Celta enfrontarase ao Manchester United en semifinais da Liga Europa. Berizzo conseguiuno, levou aos nosos a onde endexamais chegaran, ás portas dunha final continental. Que mellor escenario para unha nova xesta, e para o espallamento da nosa cultura milenaria, que o teatro dos soños, Old Trafford. Coido que desta vez non todos os siareiros celestes sentirán o mesmo, pois a oportunidade que temos ante nós é tamén unha oportunidade de dar visibilidade a Galicia alén da nosa veciñanza. 

O deporte é unha expresión da mesma natureza humana, quizais unha das máis puras, pola súa conexión interxeracional, pola condición redentora da competición e a reconciliación que só é posíbel nun eido sen vencidos, tan só gañadores e participantes que agardan a glorias futuras. Nun mundo que xa non entende de barreiras, o fútbol estase a converter nunha plataforma de intercambio global; ben o saben os islandeses, protagonistas nunha Eurocopa na que foi o noso irmán histórico, Portugal, quen reclamou o seu espazo entre os máis grandes. 

Nesta ocasión, un clube galego –nado nunha cidade coa mesma poboación que Islandia– visitará ao máis laureado equipo da Inglaterra. Nesta dobre cita cos red devils, todo o continente terá a oportunidade de cavilar e preguntar pola orixe dese nome, Celta, e polas nosas expresións de signo antigo, como saudade, ou afouteza. Será un evento con milleiros de xornalistas e millóns de espectadores, no que temos que aproveitar para desbotar esa conciencia histórica construida dende a capital, e non dende a periferia que lle deu sentido; para recobrar a nosa pertenza, que fala de fondas raíces nesta terra difícil de labrar, en Galicia, Eire e Albión. 

Que a nosa fronteira comece no Miño, e non no Eo, débese a unha casualidade histórica. Logo de liderar a cultura e a fala da Península dende o século VIII ao XIV, Galicia quedou afastada dos intereses maiores no Mediterráneo e en América, desconectada daquel espírito do Camiño, da célula de universalidade que escribían as Irmandades da Fala. O noso folclore non deu a esquecemento, marcado na rocha e nos cantos labregos, porque hai sentimentos que non se poden explicar se non é en galego. Galicia é a porta do Atlántico, e ten aínda un papel que xogar. Fagamos da festa do fútbol unha nova conexión con Europa, arrequecendo a herdanza cultural deste novo milenio que comeza. 

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS