Baixan revoltas as augas do celtismo trala derrota en Pamplona e parece que as urxencias comezan a consumir a certos sectores da afección e, o que máis me sorprende persoalmente, a determinados profesionais da prensa.
Xa vou tendo unha idade e, xa que logo, certa experiencia nos avatares e infortunios célticos, e moi lamentablemente teño que dicir que o que está a acontecer esta temporada xa o vivín varias veces noutras décadas: principiabamos a liga con bo xogo, con azos e folgos abondos e, como Narcisos ante un estanque cristalino, estabamos encantados de nos coñecer… pero os resultados non daban chegado. Non importa, diciámonos esperanzados, estamos xogando ben, de feito somos dos equipos que mellor xogo fan na liga, os bos resultados non poden tardar…
Pouco a pouco a desconfianza e a inquedanzamedraban entre os seguidores e dun xeito que poderiamos dar en denominar democrático a merma da fe ía transmitíndose de abaixo cara arriba, desde a bancada ata o verde e chegaba ao plantel de xogadores. Ían minguando os berros de ánimo que se vían substituidos por murmurios, en ocasións mesmo por asubíos e apupos… e coa falta de confianza chegaban as présas, as urxencias, os medos e, como consecuencia, o mal xogo. O balón queimaba nos pés, ninguén arriscaba nin tentaba nada creativo por medo ao erro que provocase o afundimento total.
Ata aquí a descrición das vivencias do pasado, pero como a capacidade de nos trabucar e virtualmente infindatal parece que non damos aprendido das experiencias e repetimos e teimamos nos erros. O que quero propugnar, unha vez máis, é que manteñamos a calma, mesmo a frialdade, que a negatividade e as présas non nos han levar a ningures, e que apoiemos totalmente ao equipo e, sobre todo, ao noso adestrador actual, Paco Herrera, quen é ben merecedor, na miña opinión, dun rotundo voto de confianza.