Un a un: Celta 0 - 3 Barcelona

Deixámosvos co un a un do encontro de onte entre Celta e Barcelona.

Yoel: Logo de dous partidos case inédito, o líder da liga fíxoo volver ao choio. Pouco máis puido facer nos goles. Si evitou que a goleada fose maior con varias intervencións de mérito. Segue en gran forma. 6

Hugo Mallo: Non se entendeu con Cabral na zaga, o que provocou varios desaxustes. Mellor faciana, sorprendentemente, cando se incorporou arriba, chegando a conectar con Augusto. 4

Cabral: Película totalmente distinta á de Málaga. Foi desbordado en case todos os man a man con rivais. Lastrouno o erro garrafal na entrega do primeiro gol. Outro fallo no seu amplo expediente. 1

Fontás: Xa ten galóns na defensa e exerce como líder da mesma. O máis entonado atrás coa súa sobriedade. Faltoulle un compañeiro á altura das circunstancias. 5

Aurtenetxe: Tocoulle bailar coa máis fea. Messi foi difícil de parar, pero o vasco tentouno no lateral esquerdo. Mala nova a súa lesión, que supón a perda dun valioso efectivo nunha zona que non anda precisamente sobrada. 4

Oubiña: Brillou máis na creación que na contención, incorporándose máis ao ataque co marcador en contra. Segue atopándose cómodo, na liña das últimas xornadas. Se segue así, o Celta ten argumentos para o optimismo. 6

Álex López: Tentou confirmar o seu gran momento. Tivo presenza arriba e non se escondeu a pesares de ter enfronte unha pléiade de xogadores de primeirísimo nivel que lle impediron o lucimento. 5 

Rafinha: Intermitente de máis. Se cadra sobreexcitado por enfrontarse ao equipo do que é propiedade, tivo moitas imprecisións na zona de creación. Esforzado e incansable, o Celta segue necesitándoo. 4

Augusto Fernández: Gran traballo do arxentino na presión. Deixou detalles de intelixencia e levou algo de perigo pola súa banda, a pesares de non ter lucidez no desborde. Parece ir acoplándose mellor ao esquema de Luis Enrique. 6

Nolito: O futbolista máis desequilibrante do Celta. Onte tíñao compricado e non apareceu tanto, pero se o pau non rexeitase a súa falta e o árbitro anulase o seu gol inxustamente, estaríamos falando do home do partido. 5

Charles: Apaixoante duelo entre o dianteiro e a defensa barcelonista. Valdés, ao igual que con todos os que tiraron a porta do Celta, foi infranqueable. Apunta a melloría logo dun lixeiro bache de partidos. 5

Orellana: Co partido xa sentenciado, o chileno foi o primeiro recurso de Luis Enrique no banquiño. Atisba unha luz ao final do túnel, pero aínda lle queda moito por percorrer. 4

Santi Mina: Entrou por un desfondado Augusto con pouco tempo por diante. Bartra saboteulle unha boa ocasión que fabricaron entre el e Charles. 4

Toni: Difícil papeleta para o coruñés. Entrou pola lesión de Aurtenetxe. Botouse cara arriba xa que o partido estaba totalmente roto. 4

 

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS