Un a un: Celta 0 - 1 Levante

Deixámosvos co un a un do encontro de onte entre Celta e Levante.


Yoel: Non foi noticia, por unha vez, ante a falta de chegadas rivais. O gol é un remate imposible que lle chega forte e axustado ao pau entre unha nube de xogadores. 5

Hugo Mallo: Tivo que emigrar cara arriba xunto a Santi Mina ante a falta de traballo atrás. Pero tampouco prosperou demasiado na súa aventura. 5

David Costas: Os aloumiños de Luis Enrique deron os seus froitos. O mellor partido do central. Intenso atrás e con saída moi aseada do balón. 7

Fontás: Asentado na defensa, tamén foi protagonista na elaboración dende atrás. Sufriu un chisco máis na segunda metade coa entrada de David Barral e co seu flanco enchoupado. 6

Toni: Se cadra vai adaptándose ao lateral. Onte tívoo moi complicado trala tromba de auga do descanso. Loitou contra os elementos e non saíu mal parado. 5

Oubiña: Tirou do carro. Ben colocado e con criterio. Sen necesidade o Celta de saída ao xeito La Volpe, o capitán xogou moi cómodo e notouse por exemplo nunha acción co calcaño. 8

Krohn-Delhi: Non se agochou. Trazou os seus pases marca da casa a pesares do estado do terreo de xogo e tal vez por iso non foron tan precisos. O mesmo ocorreu cos lanzamentos de lonxe. 5

Rafinha: O perigo que creaba o Celta pasaba case sempre pola súa mente. Deixou varios movementos e diagonais de quitar o chapeu. Pero a súa clase diluíuse co paso dos minutos. 7

Nolito: Non tan espectacular como outras veces, pero incisivo. O Celta necesítao, notouse especialmente tras ser substituído. 6

Santi Mina: Moi voluntarioso, o canteirán esforzouse nunhas circunstancias que requirían man de obra cualificada. Faltoulle o gol. 6

Charles: Chegáronlle poucos balóns e moveuse sen descanso, pode que un pouco desorientado entre a poboada defensa levantinista. Fallou unha ocasión moi clara. 4

Álex López: Coa súa entrada chegaron as conducións longas e os caneos. Moito máis solto e fresco de ideas do que viña sendo nos últimos encontros. 6

Orellana: Sen confianza é un xogador que baixa o seu rendemento de xeito notorio. O caso paradigmático é a falta innecesaria que comete preto da área, prólogo do gol do Levante. 3

David Rodríguez: Tocoulle xogar nunha posición en banda que non é a súa e sen case tempo de demostrar nada. Errou no último cartucho do partido. 4

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS