Co permiso de Aspas, o partido foi do Tucu

Malia non dispor da continuidade doutras tempadas, Pablo Hernández segue a ser decisivo encol do céspede. Baixo as ordes de Unzué apenas mudou o seu rol, adicado a esa función ás veces escura e outras veces inapreciábel, con máis protagonismo no estatístico que nas repeticións do día seguinte. Mais, desta vez, nada puido ensombrecer a actuación do de Tucumán, pois ao esforzo cotián engadiu acerto na presión e na asistencia, erguéndose en catalizador tamén do xogo ofensivo. Coa licenza de Iago Aspas –ese xenio que deixou atrás a Vlado Gudelj e xa está no podio de máximos realizadores da historia do Celta–, foi o internacional por Chile quen asoballou ao Sevilla.

Dous aspectos deben ser salientados antes de continuar a falar do papel do Tucu. Primeiro, que o Celta atopou confianza para realizar o plan desexado logo do primeiro gol. E segundo, que devandita confianza foi posible pola providencial aparición de Sergio Álvarez, impertérrito perante os erros defensivos e algún rexeite case insalvable. Do resto do campo fíxose cargo Pablo Hernández, imprescindible en ausencia dun portento físico coma Maxi Gómez. Así pois, puxo a envergadura que esixía o muscular conxunto hispalense, ao que estirou sen importar o desgaste propio. E aínda tivo folgos para asomarse á área do Sevilla con mortal perigo.

O certo é que a cita prestábase para as cualidades do espigado centrocampista, adoito a un ida e volta que esmagou a un equipo que viña de loitar en Champions, e que apenas gardou efectivos co gallo de manter viva a loita pola clasificación europea na vindeira campaña. Penalizou Hernández o baixo ritmo do Sevilla na construcción, aplicando intensidade nas zonas e nos intres indicados. Tal ímpetu deu os froitos desexados: o Tucu participou de xeito crucial nos catro goles do Celta, e deixou outro balón franco que Aspas estragou diante do meta opoñente. Para tal empresa foi necesario un despregamento intenso, atravesando as liñas de presión con carreiras ao espazo e unha circulación directa.

Así as cousas, semella clausurado o debate acerca dos integrantes do medio campo olívico. A pesar de que as características de Nemanja Radoja casan coa demanda de xogo interior e ritmo devagar instaurados por Juan Carlos Unzué, a realidade é que Pablo Hernández propicia un Celta máis natural e efectivo. Mesmo poderíase afirmar que o propio adestrador iniciou un retorno cara un colectivo libre de ornamento e máis agresivo sen posesión, sendo indicativas as persecucións individuais en campo contrario. Ben faría o Celta en recobrar aquel vigor que hai pouco amosaba polo continente, e ninguén mellor que o Tucu para interpretar cando cargar alén da divisoria e cando frear as pulsacións.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS