Leccións que deixa a saída de Guidetti

Hai preto de dous meses sinalei as razóns polas que Maxi Gómez debía quedar en Vigo. A impulsividade que denotaba a operación era contraria ao proceder histórico de Carlos Mouriño, quen xa vello asiste inquedo á conclusión do proxecto que debe superarlle no tempo. En tal perspectiva, o capital chinés –por diferentes vías– aliviaría a urxencia do empresario, de xeito que podería concentrar a enerxía que aínda conserva na loita burocrática. Ten o presidente o convencemento de que ninguén afrontaría mellor ca el este intre de fortalecemento patrimonial e, asemade, de que outros virán para superarlle en asuntos deportivos e institucionais.

Era o pretendido, Maximiliano, quen amosaba menor interés pola aventura asiática. Secasí, tampouco o máximo responsable do Celta sucumbiu á éxtase do ouro, insatisfeito co rédito final do pase, e a transferencia mudou en irrealizable. Co canón uruguaio definitivamente a disposición do adestrador polo que resta de campaña, e a meses do vindeiro Mundial, foi John Guidetti quen virou á desesperada destino Alavés. Saíu a empréstito logo dunha ínfima participación na presente tempada, 257 minutos, unha situación «insostible» que cómpre analizar pensando en termos futuros.

Guidetti foi integrante do Celta máis exitoso de sempre. So a dirección de Eduardo Berizzo acadou unha regularidade que perdera dende aquel abraiante concurso en Holanda –20 tantos en 23 partidos–, por mor dunha misteriosa doenza no sistema nervioso central, que a piques estivo de pór fin á carreira deportiva do internacional absoluto por Suecia. Dende aquel episodio pasou un lustro e nunca repetiu tal rexistro, circunstancia que coincidiu cun  notorio cambio de complexión. E malia o histórico percorrido do centolo mecánico no curso 16/17, o carismático atacante de Estocolmo deixou un rexistro con pouco de extraordinario: 9 goles e 7 asistencias en 42 compromisos co conxunto olívico.

É preciso lembrar dúas dimensións chave da época de Berizzo coma director técnico que afectaron decisivamente a Guidetti: primeiro, a partida de dous integrantes dun ataque inesquecible, Nolito e Orellana; e segundo, o escaso entendemento entre o preparador arxentino e a dirección deportiva na configuración do plantel. En conxunción posibilitaron a entrada do sueco na aliñación, derivando a Aspas cara o carril dereito. Aliás, era un contexto propicio e circunstancial, como amosou o nomeamento de Juan Carlos Unzué coma adestrador.

Antigos beneficiados do estilo de Berizzo tiveron que se adaptar aos requerimentos de maior control e elaboración de Unzué. Sucedeu así con Daniel Wass, Gustavo Cabral ou Pablo Hernández. Porén, John Guidetti ía continuar na titularidade debido a que o técnico concentraba a innovación noutras parcelas, e tan só o infortunio da fractura de clavícula lle privou de concorrer no inicio da competición. Para cando recobrou a forma física, era tarde: Maxi Gómez compartía o estatus de máximo anotador canda a Iago Aspas e o corpo técnico sintonizara a ámbolos dianteiros cun novo esquema de xogo. Para colmo, o uruguaio sorprendera a propios e alleos cunha capacidade de asociación decisiva.

Así e todo, os casos de Guidetti e de Maxi deixan valiosas leccións para o futuro. Aquel debate que comezara con Paco Herrera quedou resolto: Aspas ten que ser o segundo dianteiro. E terá que estar acompañado por un dianteiro de referencia para o xogo en longo e na área contraria, que descargue a responsabilidade de lidiar e sacar de sitio aos centrais; un cazador frío, tanto para asistir en curto como para transformar ocasións manifestas; un atacante capaz de dominar o contragolpe. Tal é o perfil que Felipe Miñambres, director deportivo, terá que albiscar no mercado invernal. Iso, sabendo que Borja Iglesias ficará en Zaragoza nesta ventá de traspasos.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS