Marxe para a mellora en 2018

Hai catro meses que deu comezo a competición e pouco queda daquel conxunto feble, vagaroso e medroso. Era un equipo que lembraba ao de Berizzo unicamente pola aliñación, pois semellaba desposuído de fame ou intención, coma se tentara aplicar preceptos e teorías optimistas e racionais de máis. A proposta de Unzué estaba nun perigoso tránsito entre o pasado bielsista e o que tería que ser no futuro, un treito confuso por necesidade. Pasaba o Celta pola descompresión: logo da viaxe a toda máquina que rematara en Manchester, retomar o camiño cara a unha nova campaña era un desafío psicolóxico, polo que aprehender as ideas do novo adestrador precisaría de tempo.

Malia ao que reflictiron os primeiros resultados, a planificación de Unzué era ben acertada, porque colleu partes do seu predecesor –a presión alta, as vixilancias, as sinerxias entre os homes de banda–, engadiu ás fichaxes –as solicitadas e as non solicitadas– e mesturou todo cos conceptos que trouxera de Barcelona. Houbo dúbidas acerca do plan físico, tamén pola sentencia a xogadores coma Marcelo Díaz, e en especial polo traballo mental requerido para evitar os custosos erros individuais na liña defensiva; aliás, a progresión do Celta foi constante dende a estrea en Liga.

Mesmo tivo Unzué que transformar o plan inicial. En apenas semanas, cinco teóricos titulares perderon tal distinción: entraron Maxi por Guidetti, Lobotka por Radoja, Sergi por Fontàs, Rubén por Sergio, e Hernández por Jozabed. Con leves axustes posicionais e na marcaxe, o Celta invertiu as estatísticas defensivas ata posicionarse por enriba da media do campionato en ocasións concedidas, aumentando o dominio no decorrer dos encontros, e mantendo a superior xeración en ataque. E cun sinxelo movemento, o corpo técnico atopou a posición que tanto Aspas coma Maxi procuraban, convertendo a Wass e Sisto en asistentes dunha dupla de época.

A renovada vitalidade do Celta coincide co medrar de Rubén, Sergi Gómez, Lobotka, Sisto e Maxi Gómez, cada cal na liña correspondente. Xuntos, e so a guía atenta dos profesionais derredor, aportan carisma a un equipo antano dependente en demasía dos máis veteráns. Secasí, quedan tres asuntos pendentes para o 2018. Primeiro, a necesidade dun plan alternativo que permita aos celestes competir cando Aspas non está presente; segundo, a xestión das oportunidades e a atención que perciben diversos integrantes do plantel, nomeadamente Roncaglia, Radoja, Hjulsager e Guidetti; e terceiro, o aproveitamento das posibilidades que ofrecen xogadores coma Emre Mor, Jozabed e Brais Méndez, para esquecer atascos coma o día do Villarreal.

Estas tarefas de seguro que terán que agardar a que remate a vindeira fase da Copa, unha semana de vertixe na que o Celta arrostrará a dous titáns, e que polo momento desbotará calquera invención. Con todo, cabe a posibilidade de que a solución a devanditas cuestións sexa compartida. De existir o xeito de acadar Europa esta tempada, terá que ser co concurso de todos; só así disporán de armas coas que sorprender, responder e saír adiante perante calquera rival. Unzué solicitou un plantel curto e non hai escusa para non lle sacar proveito.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS