Brais Méndez, alternativa en tempo presente

Malia non supor a estrea oficial de Brais Méndez (Mos, 1997), a titularidade no Camp Nou confirmou ao canteirán coma un máis na elite do fútbol. Foi unha ocasión para a lembranza para un rapaz que firmou o seu primeiro contrato profesional hai tres tempadas, e que renovou este verán ata 2021, cunha cláusula de 25 millóns de euros. Dende entón, Brais alternou entre o filial e o primeiro equipo, no que conta xa dúas titularidades e unha substitución. Tempo abondo para xustificar a confianza de clube e de Unzué, valedor do xogador.

Devandita confianza xurdiu en A Madroa. Tivo a primeira oportunidade no Celta B en setembro de 2014, foi escollido para adestrar canda os maiores na pretempada de 2016, e repetiu xa con Unzué coma director técnico. Axiña o preparador navarro comprobou que Brais podía ser máis ca un auxiliar, máis ca unha solución de urxencia: participou no triangular Isidro Silveira de inicio e anotou o primeiro tanto perante ao Sporting. Un mes despois, con toda a naturalidade, o canteirán marcaba para o filial no derbi co Pontevedra.

Quizais o máis salientable de Brais Méndez, alén da calidade de seu, é a profesionalidade. Dende que comezou a competición combinou as convocatorias do primeiro equipo coa realidade do B, onde continuou no once titular. É este outro signo de madurez mental e táctica, pois ocupa a demarcación de mediapunta no conxunto de Rubén Albés, e aliás compite de interior ou extremo por un oco nas aliñacións de Unzué.

E houbo máis cambios que arrostrar. Para a estrea en Primeira División, no recibimento ao Xetafe, Brais tivo que asumir o papel de Wass, o axitador dun medio campo de tres pezas: un activo encargado de incrementar o ritmo de xogo, de xerar vantaxe para o dianteiro, de chegar dende a segunda liña e finalizar. Porén, a mudanza no esquema de xogo que introuciu Unzué –cara o 4-4-2– obrigou ao xove de Mos a crear espazos, optando por movementos máis profundos, e a servir balóns dende o costado dereito do ataque, tarefa en principio máis doada para un destro.

Coa axuda do adestrador, Brais conseguiu facer da singularidade un valor diferencial. Incapaz de imitar as impresionantes cualidades de Wass, un extremo vertical, o canteirán oferta acougo nun colectivo con tendencia a coller velocidade. É un desafío engadido para un rapaz afeito a xogadas de vertixe, e que no primeiro equipo ten que limitar a conducción e escoller con tino a vindeira acción. Esta versión contida é vital para as combinacións en corto, para crear superioridades locais e atraer a atención do contrario.

Aparece polo sector dereito, pero doutro xeito: de costas á liña de banda, con todo o campo a disposición desa zurda elegante. O Celta é así un equipo longo, agresivo, e pode contar con Aspas próximo á zona de remate. Unzué encomendou a Brais Méndez ese papel capital no Camp Nou sen importaren as baixas, os cambios que tivo que soportar o xogador, nin a entidade do Barcelona. Quedou probado entón que Brais ten sitio na máxima categoría; e quedou probado tamén que Unzué ten pensado apostar por un rapaz que aporta cualidades únicas e semella, polo momento, non ter límites.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS