Pobre fin a un mes prometedor

Quizais onte fose o peor intre para perder. O Celta chegaba á cita cargado de moral logo  da vitoria na Copa e un mes de sólidas actuacións, con clara melloría en todos os parámetros estatísticos. Pola contra, o Málaga estaba na peor das situacións, ao límite nas competicións en disputa e co adestrador en cuestión. Así e todo, os vigueses comprometeron a visita cunha primeira metade de arrepío, outorgando vida a un equipo que algúns daban xa por finado. Vén o peor do calendario e eses tres puntos eran obrigados.

Nestas circunstancias, a memoria selectiva pode enlear o diagnóstico. Foi o encontro na Costa do Sol un chanzo torto dunha serie en progresión, unha derrota anómala na tendencia do Celta en outubro. Os fillos do tríscele estiveron lonxe das actuacións máis recentes, en especial durante o primeiro período e no relativo á intensidade e á xeración de ocasións. Foi un mal día para Mallo, Lobotka, Sisto ou Maxi Gómez, máis ca irregulares nas prestacións.

Os de Míchel xogaron a arroutadas, cun xogo entregado e directo que obrigaba a recobrar enerxía empregando constantes interrupcións. A situación desesperada do Málaga proveu de nervio a un conxunto táctico, chan e dependente da individualidade en ataque, un plan que durou corenta e cinco minutos. Abondo para pór vantaxe no marcador. Apois, o Celta mereceu o empate e alomenos puntuar, mais a falla de precisión no remate deixou con posibilidades ao local. Desafortunadamente, a única ocasión da que dispuxeron os malagueños rematou en penal por mans de Cabral.

Tralo asubío final, Unzué recoñeceu a disconformidade coa representación colectiva. Todo o contrario que unha semana antes, cando logo de perder por un gol perante o Atlético, o preparador navarro amosara agrado co partido realizado. Dende logo, hai xeitos de perder. A derrota en Málaga, praza onde Berizzo non conseguiu un só punto en tres tempadas, foi merecida e obriga a reconsiderar o grao de concentración do plantel. Con todo, é unha derrota circunstancial, para nada representativa do nivel acadado no pasado inmediato.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS