É cedo para un cambio de esquema

O balbordo ocasionado pola incorporación de Emre Mor endexamais se vira en Vigo. Estamos perante unha operación de calado, unha incursión de Felipe Miñambres nos fociños de entidades máis poderosas ca o Celta. En consonancia co impacto mediático, a ilusión da freguesía celeste remontou ata alimentar novas aliñacións e tácticas, xeitos de engadir ao astro turco-dinamarqués sen prexuízo da actual liña de ataque. É tempo de frear o intenso optimismo e repensar as circunstancias.

Primeiro, Emre Mor nin tan sequera adestrou cos novos compañeiros, nin recibiu consignas do técnico, Juan Carlos Unzué. Ten aínda dez días por diante coa selección de Turquía, polo que comezará na disciplina viguesa con dous meses de traballo pendente. Terá que facer un esforzo por se adaptar rapidamente, o mesmo que o técnico e os seus auxiliares por incorporalo. Alén disto, o resto do plantel seguirá a mellorar e por xustiza terá valiosos minutos de competición.

Segundo, a tripleta Sisto-Maxi-Aspas é polo de agora irrenunciábel. Pione precisa da demarcación de extremo pola esquerda para explotar as características de seu; o uruguaio é o máximo (e único) goleador no que levamos de Liga; e Aspas, bueno, é Aspas. Para aumentar o número de atacantes habería que diminuír o peso do centro do campo; zona que, até o de agora, é a única que funciona segundo o previsto, xerando clara superioridade. Desbotar o ‘trivote’ estragaría o segmento máis traballado por Unzué, desarticulando o funcionamento dos dez xogadores de campo.

Terceiro, e dende a perspectiva do adestrador, as prioridades son outras. É arriscado de máis tentar integrar a un xove anárquico coma Emre Mor ao tempo que o colectivo arrostra un cambio na formación. Unzué ten que dotar ao Celta de fortaleza defensiva e de profunidade fronte a rivais con repregamento intensivo. A seguridade chegará pola vía de traballar a coordinación entre centrais e as axudas dos interiores; as oportunidades pasan por acrecentar o ritmo, o intercambio de posicións e os movementos de arrastre e ruptura. Nese senso, Emre Mor será o revulsivo que o equipo botou en falta nas dúas primeiras citas do campionato.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS