Celta, noventa e catro anos de fútbol e moito máis

Calquera institución preto da centuria é digna de loanza. Quizais a que protagoniza este artigo xurdiu xa tardeira, en 1923, mais celebra a súa supervivencia exemplar nun intre en que queda pouco que honrar no mundo do fútbol, contaminado polo tráfico de influencias, o mercantilismo e as prácticas inflacionistas. Hogano o Celta érguese en valedor das motivacións máis puras do deporte e do asociacionismo, arrostrando a contracorrente cunha oda ao espectáculo, á formación dos xoves e á defensa da cultura e o idioma de seu.

É o celeste un bando benquerido na Liga e respetado no exterior, un recoñecemento que fala do acadado en termos competitivo e institucional. As ideas postuladas pola directiva, alicerce da comunión cos seguidores, son tamén un modelo para entidades de filosofía semellante, en especial aquelas que loitan por ocupar un lugar permanente en Primeira División. Porén, nos últimos tempos a presidencia de Carlos Mouriño non estivo á altura de tan altas ideas, salvando a inmaculada xestión das finanzas.

En contraste cos recentes éxitos, os meirandes en case un século, a dirixencia desenvolveu unha actitude decadente. Grandes de máis eran os proxectos que o vello empresario acometeu, mais non pouco legará. A nova sede e os fondos para a cidade deportiva son dous tanxíbeis cos que debería de atopar acougo, e o mesmo co inestimábel capital humano dos distintos segmentos do clube. Debe o Celta o presente ao señor Mouriño, e pode que o futuro estea vencellado á mesma familia.

Perante un presidente con signos de esgotamento, a concentración de accións nunha única persoa tería que espertar o debate acerca doutro modelo de xestión. O clube precisa recobrar o espírito colectivo e cívico co que foi fundado, un proceder aberto, transparente. É o único xeito en que a institución podería acadar tan altos ideais, con novos folgos e novas facianas que aseguren a actualización, o coidado aos afeccionados e á canteira. Que o fútbol sexa de todos comeza por ter unha voz colectiva no Concello ou na Liga de Fútbol Profesional. Sen liortas, sen silencios, sen proxectos persoais.

Hoxe o Celta festexa noventa e catro anos de historia. Foi un camiño irregular, entre sobresaltos económicos e deportivos, que deu de sí unha institución ao tempo coruscante e tebrosa. Este clube é a fidel representación do seu himno, un espello dos principios do deporte e a leal administración. Que o poder transformador do deporte non remate no acadado, pois os propósitos que marcaron e marcan a presidencia de Mouriño demandan realización.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS