Vaste marear

De continuarmos coa retórica da campaña de abonos cun símil náutico para a estrea do Celta, poderiamos concluír que as probas de mar foron un éxito relativo. Cincuenta días de traballo do arquitecto Unzué deron de si unha nave mariñeira, de fermosas liñas e que corta o vento con graza. Porén, precisa de correccións urxentes para se enfrontar aos navíos das potencias en liza, pois foron os defectos propios os que concederon o combate á Real Sociedade. A superior capacidade de manobra dos vigueses non impediu aos txuri urdin atopar e aproveitar tres debilidades decisivas. Foi unha derrota que feriu o orgullo do siareiro celeste polo xeito en que caeu o local, vítima de erros tan evidentes como fatais.

A primeira das debilidades foi a que constituíu a portería, zona que Sergio non deu dominado e que xerou dúbidas ao resto de compañeiros. Malia merecer a titularidade mercé ao traballo precedente, o de Catoira reincidiu nas habituais fallas no xogo aéreo e a saída xogada. A sensación de fraxilidade acentuou o impacto do primeiro tanto recibido, un agasallo dos que poden acontecer e acontecerán. A veteranía deste gardaredes contrasta coa irregularidade das súas prestacións, e de non aproveitar a oportunidade, outro haberá de coidar da meta. Toda unha proba para comprobar a psicoloxía do novo adestrador.

Outra fraqueza residiu na insuficiente potencia das baterías dos costados. Sisto pasou tempo de máis lonxe do área e esgotou folgos en accións máis intimidatorias ca efectivas. Asemade, Aspas aguantou no campo máis por nome que por méritos, completando un segundo tempo cheo de precipitación e imprecisións. O xenio de Moaña ten que recobrar a naturalidade coa que abraiou ata o último terzo da campaña anterior. Este conxunto non acadará o obxectivo de Europa se non conta con máis dun goleador en forma en tódolos treitos da competición. Por fortuna, a irrupción de Maxi Gómez xerou acougo na parroquia de Balaídos. O rapaz é pura ambición e remate e mudou os alcumes en gabanzas.

En liña coa primeira, a terceira das preocupacións ten relación coa tensión defensiva. Aos episodios protagonizados por Cabral e Fontàs temos que engadir a enésima torpeza de Jonny. O flanco esquerdo fora ao longo do partido o máis feble do Celta, e con todo a Real non sacara proveito; ata que o de Matamá, que semella ter a mente noutra parte, cometeu unha infracción pueril que o colexiado interpretou coma penal. Terán que deprender os fillos do tríscele que non todas as situacións son propicias para a calma e o balón rasante. O clube anunciara emocións (vaste marear), ora ben, as emocións terán que chegar polo estilo ledo e xeométrico, non polo relaxamento defensivo ou ofensivo. Así e todo, o xeito de Unzué é encomiábel para o tempo que leva á fronte do conxunto, e de seguro atopará solucións para estas deficiencias.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS