Apuntes da xira do Celta

Quedan dúas semanas para recibir á Real Sociedade no vello Balaídos. Tempo abondo para traballar en prol dun conxunto que precisa regularidade na creación e na atención defensiva, que xera pouco e concede de máis. Con todo, pódese albiscar xa a man de Unzué, en especial no xeito en que os xogadores forman asociacións en cada treito do campo. O camiño ao gol semella claro para os dianteiros, o medio campo conta xa coas pezas que precisaba o adestrador, e a dinámica colectiva vai fraguando. Así progresou o Celta de Vigo na xira europea.
 

Disposición defensiva

Para a nova campaña, o conxunto olívico manterá a presión alta e intensa, a fame herdada da era Berizzo. Secasí, os mecanismos son outros. A persecución ao home é historia, e os xogadores actúan coma unha rede, concentrando efectivos sobre a saída xogada do contrario. Alén da divisoria ocupan un cuarto da superficie total do campo, eliminando liñas de pase e creando superioridades locais. Xa en campo propio, o Celta organiza un 4-1-4-1, con escasa distancia entre liñas e pouco extenso no eixo horizontal, que conduce ao rival cara aos laterais.

É unha organización que tira do esforzo de extremos e interiores, amais das coberturas do pivote –en consecuencia, estes empregan a posesión para recobrar enerxía–, pero que crea enormes espazos na retagarda do atacante. Malia as devanditas marcas zonais, a liña defensiva sofre cando o opoñente salva a presión inicial, ou cando a marcaxe leva a un dos centrais fóra de posición. Queda moito por facer nese senso.
 

Solucións ofensivas

A faciana de Unzué en Alemaña era de acougo. Marcaran Guidetti e Maxi Gómez, os artilleiros da nave celeste, batendo por tres voltas a un dos máis firmes equipos da Champions, e que conta coas luvas do colosal Bernd Leno. Foron ademais tres xogadas de diferente natureza: dous pases profundos que o sueco transformou con potencia, e un centro ao segundo pau que o charrúa cruzou doadamente. Estas accións directas combinan coa arma predilecta do preparador navarro, a toma da liña de fondo con asistencia cara atrás.
 

Nomes propios

O ingreso de Pablo Hernández cara ao final do encontro en Leverkusen amosou ás claras o futuro inmediato do medio campo celeste. Unzué precisa un pivote que sexa consciente das feblezas do colectivo, que garde as costas dos compañeiros coa colocación e as axudas; un pivote que manteña a estrutura táctica na transición ao ataque e no repregamento, dosificando folgos. Serán Radoja, afeito ao posto, e o propio Tucu Hernández, que pilotou a Chile na Confederacións. Por diante actuarán os mediocampistas de ritmo e inclinación pola verticalidade.

Canto ao resto, poucas dúbidas ten o adestrador co que poden ofertar Sergio, Mallo, Cabral, Fontàs, Aspas, Jozabed, Pione Sisto e Hjulsager. A este grupo hai que engadir a Guidetti, contundente no apartado goleador, a Lobotka, que foi chegar e embarcar, e a Wass, o que mellor acompaña os contragolpes. A cuestión é que facer coa potería, onde Rubén vai por detrás do máis novo, Iván Villar; como integrar a Beauvue, pouco incisivo no carril dereito; e asegurar o lateral esquerdo, demarcación na que o xuvenil Pampín está a salientar namentres Jonny colle ritmo competitivo. Cabral e Fontàs moi probablemente conformarán o eixo da defensa.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS