O Brentford aplaca a obra colectiva do Celta

O Celta vive unha volta ao pasado. Non é unha involución, mais si experimenta o retorno á forma de facer fútbol que asentou aos celestes en Primeira División. A pegada de Juan Carlos Unzué comeza a ser visíbel, aplicando o navarro trazos moi finos encol da obra expresionista de Eduardo Berizzo. O arte do novo adestrador lembra intimamente ao xeito de Luis Enrique na liña divisoria, e ten unha especial ligazón con Paco Herrera e Eusebio na liña de fondo. Malia non ter aínda todos os efectivos canda el, Unzué deixou en Griffin Park signos de renovación tanto en estilo coma en nomes propios.

Nesta obra colectiva que é o proxecto de Carlos Mouriño, a man do novo corpo técnico procura irmandar as bondades de dúas etapas. Por unha banda, explotar a ambición e a verticalidade de Berizzo; pola outra, recobrar o dinamismo colectivo na ofensiva, traducido en menos perdas e maior capacidade de sorpresa. Esta vontade foi fulminada de súpeto polo estado de forma do Brentford, primeiro dos rivais da xira pola Inglaterra. O frescor e a claridade dos locais abraiaron aos vigueses, faltos de ritmo e conceptos tácticos. A primeira metade apenas serviu para retratar a unha zaga conformada por Mallo, Sergi, Fontàs e Pampín, gardados por Rubén Blanco, que fixo a estrea nesta pretempada. Dous a cero.

No segundo termo do encontro repetiu Unzué formación, salvando a inclusión do xove Iván Villar no arco. Pouco tivo que ver o conto. O Celta avasallou ao Brentford dende a reanudación, mercé á boa colocación defensiva e á circulación ininterrompida dun costado ao outro. O compás e o contacto coa pelota beneficiaron a un medio campo composto por Pape Cheikh ao peche, Stanislav Lobotka como distribuidor e Brais Méndez de axitador. Cedo ingresou Daniel Wass por Brais, mancado, e choveron as ocasións. O dinamarqués fixo enseguida un envío perpendicular que non estragou John Guidetti, presto e certero para poñer o 2-1. Ata o momento, nin Beauvue nin Sisto gozaran de oportunidades manifestas. Quedaba media hora por diante e Unzué introduciu outros nove xogadores de campo para ensariar outra configuración.

Mantívose o guion, aínda que sucesivas fallas de concentración de Jonny –tamén de estrea– e máis Cabral obrigaron á intervención dun denodado Iván Villar. No lateral dereito, David Costas aproveitou os minutos cunha axeitada actuación ofensiva, coma Roncaglia no apartado defensivo. Por diante, un apurado Radoja delegou no citado Wass e especialmente en Jozabed Sánchez, capaz de ler entre as liñas dun Brentford máis ca repregado. As triangulacións por ámbolos costados permitiron asolagar o área local con infinidade de pases atrás que non deron cazado nin Aspas, o máis incisivo, nin Andrew Hjulsager, de novo chave no ataque. Un afanoso Maxi Gómez achou oco na frontal, mais non oportunidade de remate. A pesar da morea de aproximacións, o Celta non foi quen de igualar a contenda. Faltou contundencia.

Resultado á marxe, a segunda xornada amigábel deixou sinais que poden resultar decisivas. Queda traballo nos eidos do gol e a seguridade defensiva. O conxunto semella máis flexíbel e criterioso á hora de armar xogadas complexas. A aposta por un ataque profundo e posicional premia aos liviáns: Aspas, Hjulsager, Brais Méndez, Sisto. As tarefas de medio requiren de gran precisión, cadencia e anticipación: destacan até o de agora Jozabed, Pape e Lobotka. Restan por incorporarse áo grupo Chelo Díaz e Tucu Hernández, polo que é cedo para facer conclusións. Secasí, as sorpresas positivas deste mes de xullo son Iván Villar, Lobotka (o mellor para os comentaristas ingleses), Brais e Hjulsager.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS