Primeiros signos do proxecto Unzué

Fichaxes

Malia ser un vello coñecido da parroquia celeste, Jozabed Sánchez viviu a volta ao equipo coma unha nova estrea. Foi así pola disposición que dicta o adestrador, Juan Carlos Unzué: un triángulo de centrocampistas con dous elementos en vangarda e outro conservando a posición. Por criterio e experiencia, o ex do Fulham comandou o xogo dunha tripleta que completaron, na vitoria fronte ao Sporting de Xixón de Paco Herrera, os canteiráns Brais Méndez e Pape Cheikh. Fixo por mellorar o traballo sen balón, nas marcas e na presión, e tamén por adoptar un novo senso táctico, empregándose pola estabilidade da liña medular. Terá que remar para superar a Daniel Wass na aliñación, polas específicas tareas que Unzué encomenda aos interiores

Maxi Gómez apareceu na segunda cita, perante o Racing de Ferrol. En contraste cos once homes que sacara o adestrador navarro con anterioridade, a formación que empatou cos locais tiña un marcado compoñente físico. A falla de espazos quitoulle protagonismo ao uruguaio, obrigado a combinar ao primeiro toque e consumir enerxías nunha presión que deixou máis dun sobresalto nos ferroláns. Avisou á saída dun saque de curruncho e deixou bos movementos de arrastre, mais o perigo estivo nas botas do sempre denodado Hjulsager, escorado na esquerda da ofensiva.

Foi salientábel a actuación de Stanislav Lobotka nese mesmo encontro, no que atopou relativa liberdade como interior, por diante de Radoja e á altura de Wass. Malia o escaso entendemento, a superioridade táctica permitiu ao Celta neutralizar o perigo do Racing. O eslovaco amosou compromiso e dotes para o pase e a intercepción. De seguro será unha peza importante por versatilidade e carácter; secasí, ten moito camiño até afacerse aos alicerces do fútbol autóctono.
 

Galóns para A Madroa

O conxunto que dobregou ao Sporting tivo moito que agradecer aos máis xoves. Brais Méndez marcou o primeiro dos dous tantos e foi chave para atopar conexións entre liñas. Celebrou a diana efusivamente, recoñecendo a importancia que ten comezar con bo pé no primeiro equipo, e mantivo unha aportación regular ao ataque dos vigueses. Canda el, Pape Cheikh era o encargado da contención, unha tarefa que irmandou coa saída da pelota. Boas sensacións as da panteira, a quen Unzué insiste en probar no peche do medio campo para incrementar as súas prestacións no xogo posicional.
 

Asuntos sen resolver, asuntos resoltos

Unzué procurou que o medio campo saíra da zona de confort. Quere rachar coas ataduras, quere mobilidade en Radoja, control en Jozabed, fiabilidade en Pape. Tentou frear a vertixe propia da anterior etapa, cando Berizzo fixo do Celta un diaño nas transicións, e vertebrar un colectivo paciente, con ligazóns interiores e maior horizontalidade. Foi un éxito relativo, porque as precaucións limitaron a imaxinación e algúns automatismos quedaron fóra do mecanismo xeral. Con todo, a herdanza beneficiou aos celestes na presión alta e as vixilancias. O mes que resta até a competición ten que servir para soterrar comportamentos previsíbeis na combinación, en especial da liña divisoria en adiante. Este plantel precisa un arsenal renovado, pois ten calidade abondo para realizar as ideas do novo técnico.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS